23 nov 2010

XORNADAS MUNICIPAIS SOBRE OS BANCOS DO TEMPO





As "Xornadas Municipais sobre os Bancos do Tempo" que tiveron lugar os días 3 e 4 de novembro do 2010 no Liceo de Ourense contaron o día 3 coa presenza de estudosas da filosofía e os usos sociais dos tempos, tales como, Carolina Recio Cáceres - socióloga asociada ao Centre d`Estudis Sociològics QUIT da Universitat Autònoma de Barcelona - e Josefina Altés Campá - coordinadora dos Bancos do Tempo da "Associació Salut i Família", Barcelona. O día 4 co obxectivo de írmonos aproximando máis á nosa realidade comunitaria pois en cada lugar o recurso conta coa súa propia idiosincrasia comunitaria organizamos unha mesa de experiencias na que confluíron Chus Gutiérrez Candame - coordinadora do Banco do Tempo do Concello da Coruña -, Sacha Buján Balsa - coordinadora do Banco do Tempo do Concello de Ferrol - e Carmen Guerra Prado - coordinadora do Banco do Tempo do Concello de Monforte de Lemos -. Xa para rematar presentamos o Banco do Tempo do Concello de Ourense onde explicamos cal ía a ser a nosa estratexia nos vindeiros meses no tocante á campaña de difusión e divulgación.

Nesta ilusionante andaina da Concellaría de Igualdade por sensibilizar ao conxunto da poboación das vantaxes de construír redes comunitarias de apoio á conciliación, tal e como recolle a Lei 2/2007 do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, a través dos Bancos do Tempo o que pretendemos é poñer unha ferramenta máis a disposición da cidadanía que contribúa á mellora da súa calidade de vida e nos conduza a unhas relacións sociais en pé de equidade en todas as esferas vitais.

A resposta por parte da cidadanía ante o primeiro convite, consideramos que foi bastante positiva contando ámbolos dous días con persoas de moi variadas idades e tendo lugar ao finalizar as poñencias nutridos debates sobre a temática do servizo, e mesmo interesándose algunha persoa por apuntarse e comezar a intercambiar o seu tempo en canto fose posible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario