8 oct 2010

Conclusións trala "I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia"

“I Xornada dos Bancos do Tempo de Galicia”

CONCLUSIÓNS


Mesas Convocadas:

  • Situación actual dos Bancos do Tempo en Galicia.
  • En qué derivaron os Bancos do Tempo: Necesidades da Poboación. Medida Conciliadora: Realidade ou non?
  • Fidelización das persoas usuarias.
  • Problemática coa entrega de cheques por parte das persoas usuarias.
Conclusións aportadas por Josefina Altés Campá, coordinadora dos Bancos do Tempo de Cataluña.

SITUACIÓN ACTUAL DOS BANCOS DO TEMPO EN GALICIA:

- Falta de medios económicos e mal reparto dos mesmos.

- Necesidade de coordinación entre todos os Bancos do Tempo.

- Falta de continuidade.

- Convencemento e conscientización política escasa.

- A Mancomunidade non se implica.

- A Xunta descoñece o funcionamento real do servizo.


EN QUÉ DERIVARON OS BDT: NECESIDADES DA POBOACION. MEDIDA CONCILIADORA: REALIDADE OU NON?

1.- FORTALEZAS:
- O que mellor funciona é a participación social espontánea.
- Son as persoas asociadas as que ao fin determinan os propios obxectivos de cada Banco.
- Nas cidades hai máis incentivos e máis necesidades, para que certos grupos de poboación procuren servizos como os proporcionados por un Banco do Tempo, por mor da ausencia de redes informais tradicionais de apoio mutuo (os barrios das cidades teñen a súa propia particularidade e poden asemellarse ás áreas rurais no que atinxe ás interaccións).
- Nos medios rurais, os seus Bancos do Tempo poden funcionar de xeito máis igualitario e participativo, sen xerarquías nin dependencia de líderes ou dunha clase administrativa profesional.

2.- FEBLEZAS:
- Menor presenza masculina entre as persoas usuarias, agás excepcións (un dos Bancos do Tempo de Portugal conta maioritariamente con homes) tendo como proporción media 70% mulleres/30% homes.
- Existe o risco de que os Bancos do Tempo rematen por funcionar como parches de políticas e servizos sociais, substituto precarizado das institucións públicas e o Estado de benestar.
- A conciliación da vida persoal, laboral e familiar non é doada de acadar, posto que iso require unha presenza cotiá nas esferas nas que veñen sendo diacronicamente subestimadas as mulleres.
- Hai problemas de orzamento, de equipamento, espazo e sobor de todo de garantir a continuidade dos Bancos do Tempo, afectados pola temporalidade da axuda económica e técnica achegada polo Estado.

3.- LECCIÓNS:
- Importancia da función sanitaria que poden desenvolver: mellora na calidade de vida, o servizo de atención psicolóxica, a súa función como rede de apoio para xente en situación de vulnerabilidade e grupos en risco de exclusión: no caso de pasamentos, soidade, pacientes, necesidades de transporte. Isto dáse principalmente en Bancos do Tempo de zonas deficientemente comunicadas.
- Fundamentalmente nos Bancos do Tempo urbanos é importante a figura dunha persoa técnica para levar a cabo as labores de secretariado, dinamización do servizo, etc.
- Necesidade de que os Bancos do Tempo sexan plurais e flexibles nos seus obxectivos e funcionamento, adaptados ao seu contorno.
- A tendencia a unha maior presenza feminina responde a factores históricos e culturais que fixaron os roles de xénero (ausencia ata fai pouco de espazos de socialización para as mulleres) mais é removible.
- Pónse en valor o tempo das mulleres, das persoas xubiladas, paradas, etc. Mellora a conciliación malia as insuficiencias e eivas.
- Importancia dunhas Normas de funcionamento claras e sinxelas, así como dunha axeitada entrevista de idoneidade para dar as altas ao servizo.

FIDELIZACIÓN DAS PERSOAS USUARIAS:
  • En reunións de persoas usuarias expoñer carteis e/ou listaxes coas ofertas e demandas máis salientables e novidosas das novas e antigas persoas usuarias.
  • Fomentar a participación de persoas usuarias menores de idade e con isto tamén se podería conseguir despertar o interese nos seus titores e/ou nas súas titoras.
  • Intercambios grupais entre entidades e entre persoas usuarias de xeito autónomo, sendo esta unha maneira de motivalos a que se chamen entre eles.                    
  • Fomentar que as persoas usuarias ofrezan os seus servizos aos que os demandan de xeito directo mediante contacto telefónico.
  • Fomentar a participación autónoma das persoas usuarias, sen necesidade de que interveña a organización do Banco á hora de realizar os trocos.

PROBLEMÁTICA COA ENTREGA DE CHEQUES POR PARTE DAS PERSOAS ASOCIADAS:
  • Debido a que as persoas usuarias non entregan os cheques de tempo na Secretaría do Banco do Tempo, proponse numerar as chequeiras previamente para así facilitarlles o labor.
  • En relación coas dúbidas que as novas persoas usuarias poidan ter á hora de cubriren os cheques de tempo proponse que as horas de crédito sexan xustificadas cun obradoiro de formación sobre o funcionamento do servizo.

VALORACIÓN REALIZADA POR JOSEFINA ALTÉS CAMPÁ (Coordinadora dos Bancos do Tempo da Associació Salut i Família, Barcelona):

Valoro positivamente a elevada participación de numerosos Bancos do Tempo espallados por toda a comunidade galega nesta primeira xornada e o interese amosado polas persoas asistentes.

Os puntos negativos do proxecto que se detectan son os mesmos ou semellantes en todos os Bancos do Tempo: precariedade económica para o mantemento do proxecto, contratación de persoal xestor a través de plans de emprego que non permiten continuidade no posto de traballo, pouca implicación das administracións, etc.

Malia todos estes puntos negativos, o interese en continuar co proxecto e incluso de abrir novos Bancos do Tempo noutros concellos, afianza o proxecto dos Bancos do Tempo en Galicia e pón de manifesto a necesaria coordinación entre eles.

Dende as Administracións deberá terse en conta dita implicación da cidadanía activa na mellora da convivencia a través do apoio mutuo, e darlle o soporte necesario para un mellor aproveitamento, mediante un reparto máis equilibrado das axudas económicas.

A implicación na xestión das secretarías de persoal voluntario derivado das propias asociacións veciñais, culturais, etc. debe ser recoñecida e apoiada, facilitando a formación que precisen para un mellor desenvolvemento da súa tarefa.

Como derradeiro consello, é boa idea a convocatoria de reunións de intercambio de experiencias e coordinación de actividades conxuntas entre Bancos do Tempo de Galicia, así como a realización de obradoiros de formación para os membros das secretarías, para os que se poderían solicitar subvencións específicas.